Print

~ Xornada XI ~

Tempada 2016 – 2017

 

Fin de semana agridoce para os Irmandinhos: As rapazas colectan unha vitoria no Grove mentres os Braithreachas non poden sumar fronte aos Keltoi Vigo en A Estrada

O primeiro dos encontros para o noso clube comezaba ás 17.30 horas do sábado 14 no campo do Monte da Vila. As Irmandinhas desprazábanse ata o Grove para tentar sumar dous puntos e manterse na loita polas primeiras posicións. Un encontro moi intenso de principio a fin, con dúas expulsións e que se decantou polo número de goles.

Os primeiros 25 minutos amosaron o que sería a dinámica de todo o encontro: as recuperacións no medio do campo por parte de ambos equipos logo do saque de porta permitían que o encontro estivera moi igualado. Mentres as locais afinaban puntería no tiro a paus e atopaban coa boa actuación de Marina como gardameta; as Irmandinhas chegaban ata a meta de Muchi en ocasións claras. As saídas co balón dende a defensa de Eva permitían ás estradenses colocar o esférico na liña de tiro onde Candela e Lucía aproveitaron para facer dano. Chegábase ao descanso con unha marxe moi curta para as de Mon.

Os derradeiros minutos do encontro foron os máis intensos: a expulsión de Candela e de Sandra deixaba a ambos equipos con unha xogadora menos en diferentes intres da segunda metade. Ningún dos dous equipos foi quen de aproveitar a superioridade numérica  para poñer o marcador ao favor, polo que os goles determinaron ao vencedor ao final dos 50 minutos.

O resultado final foi de  01 – 06 / 04 – 04 para as estradenses.

Pasadas as sete da tarde tiña lugar no Manuel Regueiro o partido da Xornada XI da Segunda División Masculina que enfrontaba aos Braithreachas contra Keltoi Vigo.

Os primeiros minutos foron de dominio visitante. Keltoi entraba ao encontro máis activo, chegando a ter unha vantaxe de tres puntos sobre os estradenses nada máis comezar. A reacción local sucedeuse a partires do minuto 10 da primeira metade; cando os saques longos de Álex dende a meta eran recollidos na cuarta e quinta liña, dominando esta zona e gozando de acerto no tiro. A presión dos Braithreachas comezaba a ser máis intensa, tanto que dous tiros ao pau de Sergio e Carlos así como varias ocasións claras de tiro a paus serían do mellor da primeira metade para os locais. Ao final da primeira metade, varios erros defensivos dos de Lucas achegaban aos vigueses ao marcador antes do descanso.

Xa nos seguintes 30 minutos, Keltoi volta comezar máis metido no encontro aproveitando o desaxuste no centro do campo dos estradenses; onde recuperarían varios balóns para poñer a diferenza en só un par de puntos. Sucederíanse as ocasións para ambos conxuntos pero os visitantes poñerían o marcador ao seu favor con dous goles; que xunto coas ocasións perdoadas na primeira metade e logo dunha segunda parte moi igualada, deixaba o resultado nun axustado 04 – 05 / 02 – 12 para Keltoi.

 

Imaxe dos Braithreachas no seu desprazamento a Vigo para medirse a Keltoi na tempada 2015 – 2016

Hits: 6673