Print

~ III Copa Galega de Fútbol Gaélico ~

Xinzo de Limia, 7 de Maio de 2016

 

O pasado día 7 de Maio tivo lugar en Xinzo de Limia, nos campos de A Moreira, a terceira edición da Copa Galega de Fútbol Gaélico. Por terceiro ano consecutivo, Irmandinhos A Estrada (organizador da primeira edición deste campionato en 2014) consegue presentar na competición máis de un equipo.

Os organizadores do evento serían os xogadores/as do Auriense F.G., equipo ourensán con tan so dous anos de traxectoria e que cumpriu expectativas no referente á organización. Un torneo moi ben ideado coa única pega que se lle pode poñer, e que non poderían manter a raia os organizadores: o tempo. O día estaría pasado por auga e o frío faría das gradas e os vestiarios o refuxio dos xogadores/as e afeccionados que se achegaron ata Xinzo.

Dous campos separados unicamente por unha estrada, onde as viaxes entre un terreo de xogo e outro eran continuas para os estradenses; que verían como tres dos seus catro equipos se medirían ao resto dos conxuntos galegos que se achegaron á cidade ourensá.

Braithreachas masculino, Irmandinhos e Irmandinhas, todos con moitas baixas nos seus planteis, foron os encargados de representar ao clube estradense na III Copa Galega de Fútbol Gaélico. Xogadores e xogadoras lesionados e baixas por motivos persoais serían os principais problemas para presentar máis de un equipo no caso da categoría feminina, así como sería consecuencia do axustado número de xogadores en cada equipo masculino.

Pasadas as sete e media da mañá do sábado, o autobús sairía de A Estrada con direción Xinzo para volver con unha copa de campioas e deixar con moi bo sabor de boca a representación na categoría masculina.

A continuación, podes atopar un pequeno resumo do paso do noso clube pola terceira edición da Copa Galega 2016.

 

 

Braithreachas Masculino

Os Braithreachas seguen loitando por crear un xogo de toque en Ourense dentro do “Grupo da Morte”

Logo dunha tempada moi boa en segunda división e mesmo con posibilidades de acadar o ascenso, os Braithreachas achegábanse a Xinzo minguados polas lesións e a imposibilidade de moitos dos seus xogadores que reducirían o cadro deportivo. Axudados por varios xogadores do Mecos F.G. (aos que dende aquí queremos agradecer a súa colaboración), disputarían un total de catro encontros todos eles finalizando con derrota. A falta de ensamblaxe e as baixas, así como a dureza dos rivais cos que se atoparon fixeron que os estradenses non foran quen de puntuar no derradeiro torneo galego da tempada 2015 – 2016.

O grupo no que se encadraba o conxunto de Pere Tobaruela (dirixido por Sito e Corba) sería un dos máis complexos do torneo. Mediríanse en fase de grupos ao Estrela Vermelha, vixente campión e un dos favoritos para revalidar título; e aos Herdeiros de Dhais, equipo revelación da tempada na segunda división que por méritos propios chegou ate as semifinais de máis de un campionato nesta tempada.

Dúas duras derrotas deixarían aos Braithreachas na derradeira posición do Grupo A, destinándoos a disputar dous encontros máis para acadar a 7ª praza contra Keltoi Vigo e O Condado GAC (ambos se clasificaron en 3ª posición dos seus respectivos grupos).

Finalmente, logo de medirse a os vigueses e ao equipo de As Neves (para o que sería a súa primeira participación en competición oficial) os estradenses remataban na derradeira posición da táboa. Aínda que non foi un gran torneo para eles, cada encontro disputado é unha nova oportunidade de seguir medrando en conxunto; favorecendo a unión e o desenvolvemento do equipo e propiciando unha maior conexión entre os xogadores dentro e fora do terreo de xogo.

 

 

Irmandinhos A Estrada

Irmandinhos A Estrada volve a subir ao podio na cidade do Limia

Os rapaces de A Estrada dirixidos por Sito desprazáronse ata Ourense para poder seguir amosando o estado de graza no que se atopan nesta tempada 2016. Logo de facer unha brillante actuación na Liga Galega, de gañar a I Copa Asociación e ser o mellor equipo galego nas roldas clasificatorias para o campionato Ibérico; viaxaban ata Xinzo de Limia para levar tamén a Copa Galega para A Estrada.

Minguados polas baixas e con dous rivais a vencer: os Fillos de Breogán, sempre fortes e intensos nos seus encontros e o Estrela Vermelha, o actual campión cada vez mellor reforzado.

O traballo na fase de grupos era vencer ao anfitrión ( Auriense F.G.) e ao Keltoi Vigo. Logo de dous encontros onde a choiva cesou, os rapaces de A Estrada gañarían ambos partidos: 02 – 08 / 00 – 00 contra os de Vigo e 02 – 10 / 01 – 00 aos ourensáns. Isto clasificaríaos como primeiros do Grupo B, que o enfrontaría a Fillos de Breogán (obtivo a mesma posición no Grupo C).

As semifinais serían como unha final anticipada. Dous dos favoritos ao título mediríanse por un posto na gran final, onde só había unha praza para loitar polo título contra o Estrela Vermelha. Neste caso, a diferenza de outros encontros de Liga e torneos, os Fillos de Breogán foron quen de derrotar aos Irmandinhos por 01 – 05 / 02 – 05, nun emocionante encontro onde caería lesionado o polivalente Juve (nesta ocasión ocuparía a posición de gardameta). Tanto os coruñeses como os rapaces de A Estrada fixeron gala dun xogo limpo e moi intenso onde as ocasións se sucedían en ambas áreas; pero finalmente un gol nos últimos intres poñería o marcador a favor dos herculinos.

Pasadas as 18 horas e con máis de unha hora de demora nos partidos, Irmandinhos e Herdeiros de Dhais rivais pola terceira praza, acordan non xogar o encontro correspondente polo que se determina un reparto dos puntos.

Os estradenses pechan así a súa participación na terceira edición da copa, onde o Estrela Vermelha revalida título por terceiro ano consecutivo.

Dende Irmandinhos queremos darlle os nosos parabéns ao Estrela Vermelha polo campionato de Copa Galega recentemente acadado en Xinzo; así como o MVP Masculino que foi para Couso, xogador do conxunto santiagués. Competir con rivais dese nivel fai da nosa Liga e dos enfrontamentos unha boa ocasión para amosar o ben que se está a desenvolver o fútbol gaélico en Galiza. Tamén destacamos a participación de O Condado GAC no seu primeiro torneo oficial. Noraboa e a seguir traballando para poder competir canto antes no maior número de competicións.

 

 

Irmandinhas A Estrada

Irmandinhas A Estrada, raíñas da Copa Galega por terceiro ano consecutivo

A primeira Copa Galega tiña lugar no 2014 na capital do moble, no campo municipal de A Baiuca organizada por Irmandinhos. A segunda edición celebraríase en Teo en 2015, cuxos anfitrións serían o Estrela Vermelha. En ámbalas dúas saíron vitoriosos as Irmandinhas na categoría feminina e o Estrela na masculina. Este ano 2016 os mesmos equipos revalidarían título en Ourense este mes de Maio.

A historia das Irmandinhas lévanos a destacar distintos trofeos durante as tempadas nas que participou, pero se hai un campionato que dominan é a Copa Galega. As estradenses estarían encadradas no grupo A, acompañadas de Pontevedra F.G. e as anfitrioas, Auriense F.G.

Dous rivais complexos e que amosaron estar a un moi bo nivel na recta final da vixente tempada. A Copa Galega daría comezo para as Irmandinhas pasadas as dez da mañá, onde se enfrontarían en primeiro lugar ao Auriense. O encontro semellaba ser intenso e por ser o primeiro do torneo e servir como toma de contacto, podería resultar decisivo no caso de non sumar unha vitoria.

As rapazas de Carlos Torres, que anunciaría semanas atrás que sería o seu último campionato ao fronte do equipo, viaxaban con soamente 8 xogadoras. O xeito de planificar cada encontro con un troco sería un dos principais problemas. As únicas premisas por parte do adestrador serían: gozar do torneo e volver recuperar boas sensacións ofrecendo un xogo vistoso e de toque. Non precisaba nada máis para despedirse que adicarlles, adicarse e que lle adicaran encontros con calidade e movemento efectivo do balón.

O seu obxectivo comezaba a ser máis real a medida que pasaban as horas e as Irmandinhas gañaban os dous partidos da fase de grupos por 09 – 18 / 05 – 03  a Auriense e 02 – 06 / 02 – 07 a Pontevedra. Un partido moi completo e loitado contra as da cidade do Lérez clasificaba ás estradenses para as semifinais, onde se medirían ás segundas clasificadas do Grupo B: Estrela Vermelha.

Ao mesmo tempo que as Fillas de Breogán se medían ao Pontevedra F.G., nun encontro de alta tensión que non se resolveu ata os derradeiros 3 minutos con dous goles coruñeses; as Irmandinhas certificaban o seu pase á final ante un Estrela Vermella danado polas baixas con so sete xogadoras. Un amplo 03 – 08 / 00 – 02 outorgaría un posto na gran final ás estradenses.

Co obxectivo de gozar dos encontros e facer que o adestrador se sentira orgulloso no seu derradeiro campionato como tal, as rapazas de Carlos adicáronlle a vitoria na gran final logo dun partido de infarto no que a diferenza foi mínima entre os equipos.

Maiormente, nos campionatos disputados, as primeiras prazas eran conquistadas polas de A Estrada e A Coruña; que chegaron a medirse ata en catro finais (roldas ibéricas, Copa Asociación e Copa Galega) consecutivas cun balance de 3 vitorias para as Fillas e unha para as Irmandinhas.

As Fillas de Breogán son as máximas rivais esta tempada, logo de chegar a conformar un equipo moi disciplinado e completo a nivel técnico e deportivo. Nesta ocasión, foron as estradenses as que con paixón, intensidade e algún que outro cambio nas liñas, rompeu a racha das coruñesas proclamándose por terceira vez consecutiva campioa da Copa Galega por 05 – 08 / 06 – 04.

 

Queremos darlle os nosos parabéns ás Fillas de Breogán coas que sempre é un pracer competir a este nivel tan alto. E por último facer unha mención especial ao MVP Feminino que foi para María “Rubia”, pola gran labor que desenvolveu dentro do terreo de xogo durante a competición, así como darlles a noraboa á sección feminina do Keltoi Vigo polo seu debut.

Aquí podes atopar máis información sobre a Copa Galega:

 

 

Este trofeo adicámoscho polo tempo, a paciencia, a loita e a paixón que amosaches nestes case tres anos cargados de trofeos e grandes experiencias. Por ser amigo, adestrador e ante todo un apoio para nós.

Grazas por todo Carlos!

Andrea, Candela, Athenia, África, Lucía, Maika, Eva, Sadbh e Carlos.

Hits: 2050