~ Ibérico A Estrada 2016 ~
O pasado ano 2015 os Irmandinhos asumiron dous retos moi importantes para un clube deportivo, a organización de dúas datas clave: a segunda rolda Ibérica e a primeira rolda do Pan European.
Para un clube que conta con apenas catro anos de vida, e que naceu sendo unha xuntanza de amigos que probaban un deporte irlandés; organizar dúas datas de gran importancia e peso no panorama do gaélico, afrontouse con gañas, ilusión e moita valentía.
Faga click para ver un resumo do pasado Torneo Ibérico de A Estrada, 2015:
Logo do éxito na planificación e o desenvolvemento de ambos torneos; este ano recollemos a testemuña dos Fillos de Breogán que organizaron a primeira rolda ibérica o pasado 12 de Marzo deste 2016, e preparámonos para presentarvos o cartaz da segunda e derradeira rolda clasificatoria do campionato ibérico.
É un pracer amosarvos o froito do traballo de varias semanas, do que é para nós o primeiro gran desafío deste ano.
A madeira, seña de indentidade do concello estradense, presente no cartaz
A data será o vindeiro día 2 de Abril, onde se coñecerán os equipos que representarán a nosa comunidade na rolda final en Madrid. O Campo Novo, San Martiño de Callobre e Manuel Regueiro son os lugares escollidos para facer de A Estrada capital do gaélico galego por un día.
Organizar un torneo destas dimensións onde participan 21 equipos en total non é tarefa sinxela, polo que queremos agradecer a todos os colaboradores a axuda emprestada para impulsar o evento:
Para máis información sobre horarios, novidades, participantes e demais aspectos importantes sobre o torneo:
- Facebook de Irmandinhos
- Evento en Facebook
- Colaboradores e patrocinadores do evento
- Competición Feminina e Resultados
- Competición masculina e Resultados
Agardamos que acollades esta data con tanta ilusión como dende Irmandinhos se está a facer, e gocemos este vindeiro 2 de Abril dunha festa onde convivan a deportividade e os valores do fútbol gaélico, un deporte irlandés en auxe en Galicia.