Print

~ Campionato Ibérico 2016 ~

O Polideportivo de La Luz, en Tres Cantos (Madrid) acollía a rolda final do Campionato Ibérico a pasada fin de semana. Catro equipos femininos e tres masculinos defenderían o nome de Galicia na capital de España, loitando cada encontro e amosando o nivel ao que estamos acostumados na nosa rexión: equipos competitivos, cargados de ilusión e traballo.

Logo de dúas roldas de clasificación en A Coruña e A Estrada; Irmandinhos e Irmandinhas, Estrela Vermelha, Fillos e Fillas de Breogán e Ártabras de Oleiros acudían a Madrid para coñecer ao campión de Iberia. Alí mediríanse a equipos con moitísima calidade e xogadores/as de orixe irlandesa cunha traxectoria moi extensa no deporte rei irlandés. Os seus rivais serían ( a parte de medirse entre eles mesmos) Madrid Harps/Harpettes, Valencia GAA e Eire Og Sevilla.

O torneo comezaba ás 11 da mañá, para finalizar con unha espectacular final masculina logo de máis de unha hora de demora, a iso das 20 horas. A temperatura, o campo e a humidade serían un rival máis ao que terían que facer fronte os conxuntos galegos.

A continuación podes ver un resumo da competición para o noso clube, así como para os equipos que representaron á nosa rexión na rolda final.

 

Irmandinhos A Estrada

No derradeiro torneo de Sito, os seus rapaces regaláronlle unha segunda posición a nivel estatal, loitando cada encontro ata os derradeiros minutos e facendo honra de valentía e coraxe para acadar un posto na final.

Os estradenses serían cabeza do grupo B, onde se medirían a Estrela Vermelha,terceiro clasificado na Rexión Galicia; e a Eire Og Sevilla, primeiro e único clasificado na rexión Andalucía.

 

 

Os resultados acadados na fase de grupos serían os seguintes:

Encontro de infarto entre os estradenses e os de Santiago que remataba cunha vitoria nos intres finais para os Irmandinhos, logo dun partido moi intenso por parte de ambos conxuntos. Os Estrela virían reforzados con xogadores doutros equipos galegos como os Mecos F.G. ou o Pontevedra F.G., presentando un encontro moi difícil para os de A Estrada. O nivel de intensidade sería semellante ao vivido nos encontros que disputaron os dous equipos en liga galega, Copa Asociación e roldas ibéricas galegas. Os rapaces de Jano, sempre efectivos nos pases rápidos, tentaban facer dano nas contras iniciadas dende a meta de Cebo que serían ben cubertas pola defensa Irmandinha. Pola contra, os estradenses procuraban romper as liñas santiaguesas coa súa chegada a paus e o gol da dianteira. Finalmente, os dous goles marcaban a diferenza a favor dos Irmandinhos na recta final do encontro, sumando unha nova vitoria.

 

Unha vitoria fronte o equipo de Sevilla levaría aos Irmandinhos ás semifinais en Madrid. Os estradenses baixaron a intensidade nos primeiros intres do encontro, permitindo mesmo que os do sur tomaran distancias no marcador. Un tocado Juve en meta precisaba axuda para os saques pero volvía a ser decisivo en algunhas das chegadas sevillanas. Mentres, o medio do campo Irmandinho apoiábase na defensa para crear xogadas e levar o balón ate a meta rival, así como aproveitaba os ocos para pegar a paus e seguir sumando para recortar diferenzas. O encontro iría igualado ao descanso pero logo dos primeiros 15 minutos, os de A Estrada tomaron os mandos e foron quen de crear xogadas para puntuar e levar a diferenza final a dous puntos a favor.

 

Logo dos dous encontros de fase de grupo, os estradenses chegaban a semifinais e alí enfrontaríanse a Valencia GAA, o segundo clasificado da Rexión Central – Este e que conseguía clasificarse segundo no Grupo A. Os valencianos viaxaban a Madrid con un equipo con experiencia e vellos coñecidos. Moitos dos seus xogadores xa se atopaban no clube nos inicios de Irmandinhos nesta competición. Durante os 30 minutos de xogo os de Sito amosaron as súas gañas de acadar unha praza na final, que logo de dúas metades onde o marcador foi moi igualado, foron quen de conseguir pero sen ter que pagar un alto custe: a lesión de Richi e a expulsión de Adrián. Logo dunha loita entre dous xogadores unha vez rematado o encontro, o árbitro decide deixar aos Irmandinhos sen Rey para a gran final contra os Madrid Harps.

 

Pasadas as oito da tarde e con máis de unha hora de dilación, ten lugar a gran final masculina para pechar o campionato Ibérico. Alí veríanse as caras os Irmandinhos e Madrid Harps.

Os de A Estrada terían un “Déjà vu” : o pasado ano chegarían con opcións ao título en Valencia e disputarían a gran final contra os mesmos rivais, obtendo o mesmo resultado.

A fortaleza e a valentía coa que enfrontaron as semifinais permitiu aos de Sito enfrontarse a un talentoso Madrid Harps, con un plantel de xogadores moi cualificados a nivel físico e técnico. A lesión de Richi que non puido continuar, a expulsión de Adrián e os xogadores que permanecían no campo a pesares de estar lesionados (como Juve ou Kana) facía que os estradenses se quedaran sen opcións ao título. Finalmente o resultado sería 02 – 07 / 00 – 03 para os anfitrións.

A esixencia do torneo e do equipo rival convertían aos Irmandinhos por segundo ano consecutivo en sub – campións de Iberia. O equipo mellora ano tras ano e segue amosando o alto nivel ao que está a traballar nos adestramentos así como o grupo humano que conforman.

 

Corba, Félix, Diego, Jerry, Lupo, Panzu, Kana, Adrián, Hermas, Javi, Richi, Durillas, Juve, Peter, Chovi e Yupe acompañados por Keka e Sito.

 

 

Galicia no Campionato Ibérico masculino

Ademais dos Irmandinhos, ate Madrid achegáronse outros dous clubes da liga galega masculina para loitar polo título ibérico: Os Fillos de Breogán e o Estrela Vermelha.

 

Os coruñeses acadarían a quinta posición vencendo a Eire OG Sevilla, logo de caer na fase de grupos diante dos campións e de Valencia GAA. Os Fillos viaxarían a Madrid como segundo clasificado na xeral da rexión Galicia, pero atoparíanse con un grupo moi complicado.

O bo xogo dos herculinos durante toda a tempada galega non faría xustiza ao resultado acadado na capital, pero as baixas e o grupo no que se encadraba impedíalles loitar polo podio.

As opcións dentro do mesmo eran amosar un bo nivel e facerlle fronte a dous dos equipos máis consolidados de España. Finalmente non puido ser, e recolleron dúas derrotas pero moitas aprendizaxes destes dous xigantes do gaélico.

 

O Estrela Vermelha pola súa banda acadaría a terceira posición logo dunhas duras semifinais contra Madrid. Na fase de grupos soamente foi superado polos Irmandinhos, nun encontro emocionante e intenso. A calidade dos de Santiago, achegábaos á semifinal contra os vixentes campións aos que non serían capaz de vencer.

Ao traballo amosado polo Estrela acadando a Liga e Copa Galega neste 2016 sumábaselle un novo podio, a medalla de bronce a nivel Iberia, deixando moi bo sabor de boca.

 

Parabéns a ambos conxuntos, que seguen a dar que falar fora e dentro da nosa comunidade. O crecemento do gaélico galego masculino é unha realidade grazas ao traballo de todos os equipos, tanto os que puideron clasificarse para a rolda final como os que non. É todo un pracer competir con vos e gozar véndovos competir a un nivel tan alto.

 

 

Irmandinhas A Estrada

As Irmandinhas viaxaban a Madrid con un plantel moi completo e variado; un combinado de xogadoras dos dous equipos cos que conta o clube: Irmandinhas e Braithreachas. Máis de 15 xogadoras desprazaríanse ata a capital para disputar a rolda final, na busca da primeira praza. A ilusión e o traballo de toda a tempada serían os principais motores para as rapazas, nesta ocasión aos mandos de Pere e Mon xa que o seu adestrador Carlos non podería acudir á data por motivos persoais.

Logo de unha tempada moi loitada, chegando a case todas as finais das competicións nas que participaron, acadarían un terceiro posto que sabe a pouco.

Estarían encadradas no grupo A, como segundas clasificadas da Rexión Galicia, onde se medirían a Valencia GAA e a Ártabras de Oleiros. Antes de comezar os encontros, mentes as rapazas quecían, Paula volvía recaer da súa lesión no xeonllo, deixándoa fora do torneo e pechando definitivamente a tempada 2016 para ela.

Os resultados da fase de grupos serían os seguintes:

A toma de contacto co campo en Madrid tivo lugar ás 11 da mañá fronte ás Ártabras de Oleiros. Un rival xa coñecido polas estradenses que se vía reforzado con xogadoras de outros clubes como o Mecas F.G. ou Auriense F.G. As rapazas dirixidas nesta ocasión por Pere e Mon saltaron ao campo convencidas das posibilidades que tiñan no torneo, centradas en sumar unha vitoria e en escoitar as instrucións por parte dos adestradores. A axuda nas coberturas e a presión exercida pola liña central levaría ás Irmandinhas a comezar o torneo gañando comodamente a un rival que podía dar a sorpresa.

 

 

O segundo encontro da fase de grupos remataría con un resultado negativo tanto no marcador como no plantel Irmandinho. Logo da lesión de Paula antes do comezo do torneo, Eva tería que ser atendida por unha forte contusión na boneca que tería o encontro parado durante minutos nos primeiros intres do partido. Ademais, na primeira metade do encontro as Irmandinhas xogarían durante 5 minutos sen Candela, por unha expulsión moi rigorosa. Ao descanso, o marcador sería favorable ás Irmandinhas por un só punto fronte ás valencianas. Finalmente na segunda parte, as de Valencia foron quen de aproveitar os intres de confusión nas filas estradenses logo de que Candela tivera que ser atendida por mor dunha lesión. As condicións do campo estaban a xogar en contra de as de A Estrada, deixándoas sen tres xogadoras moi importantes para as semifinais contra Fillas de Breogán.

 

Tendo en conta as condicións nas que se ían a medir os dous equipos máis fortes da liga galega, o encontro prometía ser unha loita moi apaixonante. As Irmandinhas acababan de perder a tres xogadoras mentres que as Fillas, na fase de grupos verían como o seu plantel se reducía a 9 xogadoras logo da lesión de gravidade de Paula e Rakel, ámbalas dúas no xeonllo. Rivais en liga, Copa Asociación, Copa Galega e roldas ibéricas; as maioría das finais galegas sempre tiñan as mesmas protagonistas: Fillas e Irmandinhas.

Toda unha tempada medíndose, coñecéndose dentro e fora do campo e para unha das dúas habería sitio na final; para a outra, quedaría a batalla polo terceiro e cuarto posto. O encontro comezaba coas Irmandinhas máis centradas e metidas no seu xogo, con dous goles nos primeiros minutos que levarían ás estradenses a poñerse por enriba no marcador moi cedo. Desafortunadamente, o torneo tíñalle preparada unha nova sorpresa ás rapazas de Mon e Pere, novamente en forma de lesión: Ana Vilar non podería continuar, o seu xeonllo diría basta con só uns minutos disputados da semifinal.

As Irmandinhas deberían recompoñer liñas, acababan de perder tres puntais de ataque e unha das súas defensas titulares. Estaba a ser un torneo devastador para as filas estradenses. Aínda así as rapazas tiveron forza para sobre poñerse, mesmo cando o encontro volvía poñer un novo muro: a expulsión de Andrea.

Unha vez rematada a primeira metade, as Irmandinhas irían ao descanso cunha diferenza de seis puntos coas coruñesas. O encontro estaba a ser bonito de ver e de disputar, pero unha falta dentro da área volvía a deixalas en inferioridade numérica e isto rematou coas opcións de clasificarse para a gran final.

 

Paula, Bea, Lucía Tilve, Marina, Athe, Eva, Afri, Andrea, Ana Vilar, Candela, Nerea Rodríguez, Sarai, Lucía Cortizo e Maika acompañadas de Keka.

 

Finalmente as de A Estrada acadarían o terceiro posto logo de que as valencianas rexeitaran disputar o encontro, pois só contaban con 7 xogadoras e había escasos intres que remataran o partido de semifinais contra Madrid Harpettes.

A competición remataba para as Irmandinhas A Estrada, que logo dunha tempada de duro traballo acadaban unha terceira praza que sabía a pouco. A mala sorte e as condicións do campo serían o peor inimigo, pero sempre tiveron a ilusión de continuar dentro de cada partido. Agora toca seguir loitando e seguir adestrando de cara á tempada que ven, que seguro será igual de emocionante.

 

 

Galicia no Campionato Ibérico feminino

Non só as Irmandinhas se clasificaron para a rolda final. Tres equipos galegos máis lograron unha praza na gran final ibérica en Madrid: Fillas de Breogán, Ártabras de Oleiros e Estrela Vermelha.

Gaélico galego feminino participante na derradeira rolda Ibérica.

 

As Ártabras disputarían o que sería o seu primeiro campionato ibérico fora de Galicia; logo de facer dúas roldas de clasificación moi boas, con moita regularidade e que lles permitía acceder á loita contra equipos da talle de Valencia ou Madrid Harps. Toda unha proeza para un equipo de escasa traxectoria e cun plantel moi curto. Non foron quen de levar ningunha vitoria, pero volveron para a casa con unha experiencia nunha competición con un nivel moi alto e que seguro que as fará medrar como equipo.

 

Pola súa banda, o Estrela Vermelha remataba en quinta posición logo de vencer ás Ártabras de Oleiros na batalla polo quinto e sexto posto. As de Santiago tampouco puideron facer fronte ás Fillas e Madrid na fase de grupos, imposibilitándolles clasificarse para as semifinais. O equipo contaba nas súas filas con Miriam, xogadora do Estrela Vermelha na súa primeira tempada e de orixe irlandés; que acudiría á data para reforzar as filas do equipo da capital de Galicia. Para elas tamén sería un torneo moi complicado xa que do grupo no que se encadrarían sairían as dúas finalistas. Ao igual que as Ártabras e que todos os equipos participantes; a experiencia de competir a un alto nivel e de participar nun torneo compartindo xogo con grandes equipos, sempre creará un panorama no que se recollan numerosas leccións e aprendizaxes.

 

Por último e non por iso menos importante temos que remarcar o papel das Fillas de Breogán neste campionato ibérico 2016. Logo de saír campioas das roldas de clasificación en Galicia, viaxaban a Madrid como unhas das grandes favoritas, construíndo un equipo completo e con moitísima calidade durante toda a tempada. Na comunidade galega soamente o Pontevedra F.G. e as Irmandinhas lograron vencer a un equipo con forza e con rapidez. Isto levounas a unha final contra o equipo con máis títulos ibéricos na categoría feminina e a facerlles fronte.

 

A vitoria das Fillas de Breogán é unha vitoria para todo o fútbol gaélico galego e así se fixo notar e se viviu en Madrid. É a mostra perfecta de como se están a facer de ben as cousas na nosa rexión no tocante a materia de formación e evolución dos equipos. Tiraron de forza e de efectividade logo de facer fronte a dúas importantes lesións que deixarían en cadro o seu plantel. Parabéns pola tempada que realizastes e que remata cun broche de ouro traendo o Campionato Ibérico para Galicia.

Como non, non podemos esquecernos dun detalle que nos deixou sen palabras, un aceno a unha das nosas xogadoras que desafortunadamente nos deixou, e que nos marcou a todos: a nosa Gema. Neses intres é cando se amosa a unión que se consegue durante e despois de cada encontro entre rivais, e que tanto caracteriza a este deporte irlandés. Os valores que se transmiten máis alá da propia deportividade, a convivencia e o respecto entre membros de todos os clubes que a pesares de ter diferenzas, sempre deixan un oco para estas mostras de cariño.

Graciñas por ternos presente dese xeito, competir con rivais e compañeiras coma vós fainos medrar a todas.

 

Fillas de Breogán recollendo o trofeo, primeiro equipo galego en acadar o Campionato Ibérico. Na imaxe, María sostén a camisola na honra de Gema.(Foto: Ari Sánchez)

 

 

Para ver os grupos, horarios, resultados e clasificación final do Campionato Ibérico 2016 podes facer clic nos seguintes enlaces:

 

 

Finalmente, gustaríanos facer unhas cantas mencións especiais:

En primeiro lugar queremos agradecer a Rebeca “Keka” pola súa dedicación ao gaélico, xa non só ao noso clube se non tamén por axudar ao resto de compañeiros e compañeiras cando o precisan.  Por vivir de xeito intenso cada un dos encontros á beira dos adestradores e dos xogadores e xogadoras e sobre todo por coidarnos. Sabemos que se estamos nas túas mans estamos seguros. Estamos moi orgullosos/as de contar con xente coa calidade humana e profesional que te caracteriza para coidar da nosa saúde e para apoiarnos. Non hai como agradecer tanto esforzo e traballo, moitas grazas por todo!

Seguidamente, a eses rivais no campo pero compañeiros/as fora do mesmo e aos nosos xogadores e xogadoras que non puideron continuar disputando o torneo por mor dunha lesión; desexámoslles unha pronta recuperación. Queremos vervos en nada dando o 100% e aportando o voso gran de area para que o gaélico galego siga dando que falar.

A Pere e a Mon por asumir o reto de levar a un equipo de xogadoras que están a un alto nivel e que precisaban de alguén que as guiara neste derradeiro torneo. Agardamos que para vós fora tan gratificante a experiencia como o foi para elas. Ocupar o lugar de Carlos, un adestrador que acompañou ás Irmandinhas nos seus grandes momentos durante tres anos, non é tarefa sinxela. Grazas polos consellos e o bo saber facer en cada momento, e por motivalas para non tirar a toalla mesmo tendo motivos.

E en derradeiro lugar a Sito. Logo de disputar o seu derradeiro torneo aos mandos do barco Irmandinho, queremos aproveitar para darlle as grazas polo traballo, a dedicación e a implicación que sempre tivo co clube tanto a nivel persoal como de grupo. Dende os inicios ate o día de hoxe foron catro anos de torneos, competicións, encontros e xornadas de gaélico. Organizador, xogador, adestrador, directivo e colaborador activo en Irmandinhos A Estrada.

Foi todo un pracer atoparte neste camiño, avanzar e medrar todos xuntos; construíndo un proxecto visible a nivel europeo e guiando a xogadores que xa obtiveron recoñecementos a nivel individual. E mesmo logo de ter que aturar esta manda de tolos e tolas, segue a querer colaborar sen se desvincular do clube, toda unha proeza!

Grazas por todo míster, agardámoste sempre que queiras, esta é a túa casa.

 

Familia irmandinha que se desprazou ata Madrid.

 

Con isto remata a tempada 2015 – 2016, chea de bos momentos e de grandes experiencias que agardamos se repitan na seguinte; mellorando e acadando bos resultados como clube. A historia de Irmandinhos volve escribirse con podios e campionatos un ano máis. Agora toca descansar e repoñer forzas para poder competir a un nivel superior na vindeira tempada.

Grazas a todos os patrocinadores e colaboradores, sen a vosa axuda non sería posible; así como aos membros da directiva, xogadores/as, familias e socios polo apoio incondicional durante este longo ano, nunca teremos como devolvervos tanto cariño!

 

 

Hits: 1944