Print

~ Selección Galega ~

Os GAA World Games disputáronse en Dublín (Irlanda) dende o 7 ao 14 de Agosto deste 2016.

Un total de 87 equipos de vinte países diferentes viaxaron a Irlanda para unha intensa semana de competición, onde as finais tiveron lugar no histórico estadio de Croke Park.

Selección Galega participa por segundo ano consecutivo como selección absoluta. En Marzo de 2015 en Abu Dhabi (EAU) os galegos obtiveron a segunda posición na categoría masculina e a terceira na feminina, deixando moi bo sabor de boca de cara a este 2016, onde os xogos mundiais se celebraron no berce do fútbol gaélico: Irlanda.

Este ano, a imaxe da selección volveu a ser inmellorable con unha terceira posición na categoría masculina (campión “Plate Cup”) e un quinto posto (campioa “Shield Cup”) na feminina, logo de tres días de encontros nos campos habilitados na Universidade de Dublín.

Para máis información, fotos, reportaxes e resultados sobre a Selección Galega fai click nos seguintes enlaces:

FB Selección Galega

FB Etihad Airways GAA World Games

 

A continuación podes atopar todas as novidades sobre a nosa selección.


 

12 de Agosto de 2016

Os GAA World Games, na súa segunda edición en Dublín remataron o día 12 de Agosto coas grandes finais en Croke Park. As nosas seleccións non puideron finalmente gozar da oportunidade de xogar no escenario perfecto, o campo histórico de Dublín. Foron moitos os encontros alí disputados, recollendo aos mellores equipos de nativos e irlandeses en diferentes modalidades: Hurling, fútbol gaélico e Camogie.

Os galegos e galegas puideron presenciar todos estes encontros en Croke Park, dende a mañá ate ben entrada a tarde. Os segundos xogos mundiais finalizaban con unha cea emprazada no propio campo, nun dos salóns habilitados para os actos oficiais. Alí, serían nomeados os mellores xogadores e xogadoras de todo o campionato.

Os nosos rapaces e Gráinne na cea de clausura en Croke Park.

 


 

11 de Agosto de 2016

Galicia remata campión dos seus respectivos grupos logo dun terceiro e derradeiro día de competición.

A xornada do xoves comezaba ás 12.00 cun encontro que enfrontaba á selección masculina contra o combinado de Beijing. Os rapaces foron moi superiores durante todo o encontro, sen deixar opción aos rivais para achegarse á meta de Cebo. Un encontro cómodo para abrir o día que remataba cun resultado de [ 05-09 / 00-01 ].

Unha vez rematado o encontro da categoría masculina, era a quenda das rapazas, que o día anterior se clasificaran para a final "Shield". O seu rival, Francia, comezaría mais metido no partido conseguindo unha vantaxe de mais de 6 puntos que as galegas remontarían con tres goles e vento en contra. Os derradeiros 15 minutos a intensidade das nosas sumada á presión que exercían do balón fixo que o marcador se volvera favorable ás galegas, rematando o encontro con dous tantos por encima e aguantando o esférico con posesións largas, de xogo serio e ordenado. Deixaron un marcador final de [03-03/02-05].
Proclamáronse de esta maneira, quintas clasificadas do mundial.

As rapazas recollen o seu trofeo como campionas da categoría "Shield".

Tocaba agora a quenda para a primeira das finais que disputarían os homes para acadar a medalla de bronce, o rival agora era Chicago.
O encontro comezaba ás 15:30. A tónica deste foi a mesma; un partido moi físico, duro e marcado por accións defensivas clave por parte dos galegos que foron un muro para os americanos. Rematada a primeira metade, os rapaces de Jano recollían o froito do traballo quedando con dous puntos de vantaxe sobre o rival. Nos derradeiros 15 minutos, Galicia seguiu a empurrar levando o xogo defensivo e ordenado como referencia, facendo que o gol de Alberto a escasos minutos do final minguara as opcións de remontada por parte de Chicago, deixando un marcador de [ 03-04 / 01-07 ].

O partido para o bronce dos World Games comezaba ás 17:00 con Galicia e San Francisco como protagonistas. O encontro que subiría ao podio aos galegos sería un recital dende os primeiros intres. Xogo en ataque e con combinacións dende a defensa que remataban co acerto dos nosos, tanto no tiro a paus como no remate ás redes do gardameta americano.
A segunda metade confirmaría o nivel que estaba a amosar Galicia nestes xogos mundiais, chegando comodamente e con perigo para rematar [05-08/01-02].

A final "Plate" tería cor galega.

 


10 de Agosto de 2016

O segundo día dos Word Games comezaba as 10.30 cos primeiro partido para a nosa selección na categoría feminina. As rapazas enfrontábanse novamente ao combinado B de xogadoras europeas, con representación galega nas súas ringleiras. Unha vez máis, as de Jerry e Carlos xogaron e gañaron comodamente, acadando un amplo resultado de [ 04-07 / 00-00 ].

Pola súa banda, os rapaces comezaron o segundo día con un encontro contra Alemaña as 11. Logo de confirmarse a baixa para todo o campionato de Couso, os galegos contaban con un troco menos, que dificultaría o relevo na defensa. O nivel de xogo dos de Jano non daba opcións aos alemáns de chegar á meta de Cebo. Unha moi boa defensa e un ataque exemplar rematou por arrolar á selección de Alemaña por un contundente [ 00-17 / 00-00 ].

O segundo partido para as rapazas determinaría a clasificación do grupo D, xa que se enfrontaban as favoritas na categoría "Shield". O combinado francés contou con oportunidades moi perigosas logo de xogadas combinadas dende o medio do campo, que serían en gran parte freadas pola defensa galega. Pola súa banda a nosa selección sempre por diante no marcador, era quen de chegar ata a meta rival; pero o acerto no tiro e o forte vento en contra fixo que anotar non fora tarefa sinxela. Finalmente un gol francés nos derradeiros intres do encontro obrigaba ás galegas a gañar o seu encontro contra Sudáfrica para acadar a final no grupo "Shield". [ 02-01 / 02-02 ].

Xa entrados na metade do día, os rapaces disputaban un encontro moi especial: ambos xogaron a final do primeiro mundial en Abu Dhabi o pasado ano, con vitoria arxentina na prórroga do encontro. Ademais, era un partido moi importante para seguir mantendo as opcións á final en Croke Park. O combinado galego disputou o seu partido mais serio e intenso ata o momento, contra un rival que non foi quen de dar resposta ás accións en ataque e defensa dos de Jano. Ao final dos primeiros 9 minutos o marcador era moi favorable para os nosos, por un claro 02-01 / 00-01. Na segunda metade o marcador seguiu medrando para os nosos, que remataron por arrolar á vixente campioa por [ 02-04 / 00-02 ].

Ás 16 horas os galegos disputaban o seu derradeiro encontro do día, que podería clasificalos para a gran final. O rival sería a veciña Francia, un combinado de xogadores explosivos e con gran técnica. Antes de comezar o encontro, a moeda determinou quen xogaría co vento a favor, que marcaría gran parte do encontro. Na primeira metade a meta galega mantívose a cero logo dunha dura e efectiva defensa, polo que os franceses solo puideron sumar de un en un. No descanso, o resultado era de 5 tantos a 1. A segunda metade obrigaba aos galegos a remar para acurtar distancias, e así foi. Pouco a pouco os tantos aproximarían aos dous combinados para facer do encontro unha batalla entre dous rivais parellos. O parcial da segunda metade tería cor galego pero non foi suficiente para poder acadar a vitoria. Finalmente o resultado foi de [ 01-04 / 00-09 ].

As galegas poñerían o punto final a este segundo día de campionato para as nosas seleccións, enfrontándose a unha dura e contundente Sudáfrica. Deberían gañar para obter unha praza na final "Shield" contra a primeira de grupo, Francia. Logo dun duro encontro, con un xogo moi agresivo e con moitas faltas, as galegas impuxéronse ás africanas por [ 01-04 / 00-01 ], con un gol de Eva e varios punto de falta.


9 de Agosto de 2016

No primero dos tres días de campionato para as nosas seleccións, a xornada para os equipos galegos comezaba as 10 da mañá. 
O primeiro encontro enfrontaba a selección feminina contra Europa B. 
O segundo equipo que representaba ao noso continente e que contaba con catro galegas no seu plantel (Isa, Ari, Afri e Oli) non foi quen de facer fronte ao combinada feminino galego. Un gran comezo das de Carlos e Jerry cunha dura defensa e un ataque efectivo, permitía sumar comodamente a primeira vitoria en Dublín. [ 05 - 07 / 00 - 00]

Media hora máis tarde o conxunto masculino facía súa estrea no campo 6 do complexo universitario da UCD. Un encontro serio contra Bretaña, vellos coñecidos en moitos amigables no pais galo. A primeira parte foi moi igualada no xogo e no resultado, xa que ao descanso o marcador era de empate a dous tantos. Nos derradeiros 9 minutos, Galicia exhibe todo o seu potencial e pon a favor o resultado, rematando o encontro cunha vitoria clara para os de Jano. [04 - 05 / 00 - 03]

Logo dunha mañá de bos resultados para ambos equipos, ás 14.30 horas a selección feminina medíase a unha das favoritas a gañar o torneo: Canadá. Coñecíase que sería un encontro moi intenso no que o bo xogo sería protagonista. Unha primeira parte moi boa en defensa impedía as canadenses aproximarse à meta, mentres que as galegas non foron quen de puntuar, chegando ao descanso 00-00 / 00-06 para as americanas. A segunda parte daba unha oportunidade ás nosas rapazas de acurtar distancias con un gol de Lucía; pero logo dun choque, Alba Fontán caía lesionada e debería ser trasladada ao hospital por un forte traumatismo cranial. Todo quedou nun susto que se saldou con 5 puntos de sutura nunha cella. O resultado final sería de [01 - 00 / 00 - 10].

Deseguido, os rapaces daban comezo ao segundo encontro da xornada, que os enfrontaría ao sempre forte Sudáfrica. Os de Jano loitaron cada balón en cada xogada para poder chegar ao descanso con dous puntos de marxe para unha dura segunda metade. A parte negativa dos primeiros 9 minutos poñíaa unha nova lesión: Couso debería ser atendido logo un choque, que lle impediría continuar no encontro por unha contusión muscular no manguito rotador do ombreiro esquerdo. Na segunda metade os surafricanos foron quen de darlle a volta ao marcador cun gol nos primeiros intres, ao que os galegos corresponderon con un moi bo gol de Leborán. Os xogadores galegos aguantaron os duros ataques dos de Sudáfrica ata que no derradeiro intre un tanto dende 45 metros deixaba en táboas o encontro. [ 01 - 03 / 01 - 03]

Para poñer o peche a xornada, a nosa selección mediríase por partida dobre a Nova Iork. Comezarían as rapazas, que se xogaban o pase a semifinais polo que deberían gañar o encontro. A intensidade e a ilusión facían do partido unha exhibición de bo xogo para os que se achegaron a animar a ambos conxuntos. As dúas partes foron un debate de accións perigosas entre as galegas e as estadounidenses, que finalmente se decantou a favor destas últimas logo duns minutos moi intensos previos ao fin do encontro. [ 01 - 02 / 01 - 04].

O primeiro día dos Etihad Airways GAA World Games para os galegos pecharíao un encontro moi difícil para os nosos rapaces, que competirían ata o derradeiro segundo contra un combinado con moito perigo. Os de Nova York, favoritos ao título, poríanlle as cousas moi difíciles durante os 18 minutos; aos que os galegos saberían contestar con grandes oportunidades en ataque acompañados dunha dura defensa. Ao descanso, só dous puntos marcaban a diferenza entre os equipos. Na segunda metade os galegos, coñecedores do seu pase matemático a seguinte rolda, e os estadounidenses (xa eran cabeza de grupo), comezaron a reservar forzas para o que sería o segundo día dos segundos xogos mundiais. O resultado final sería de [00 - 02 / 00 - 06].

As nosas seleccións no seu primeiro día de competición. Campo 6 da UCD Dublín.

 


7 Agosto de 2016

Só un día despois da súa chegada a Dublín, as nosas seleccións tiveron unha xornada moi intensa:

Ás 10.30horas (horario irlandés) os rapaces xogaron un triangular amigable contra as seleccións de Europa nativa e Europa non nativa nos campos de Eirins Isle GAA. Pola súa banda, as rapazas realizaron o derradeiro adestramento antes do comezo dos segundos xogos mundiais.

Ás 16 horas tiña lugar a cerimonia de apertura dos Etihad Airways GAA World Games en Croke Park, no descanso do encontro de semifinais do All Ireland de Hurling entre Waterford e Kilkenny.

 

 

6 Agosto de 2016

A selección Galega masculina e feminina viaxa a Dublín. Familiares e amizades dos nosos representantes acoden a Lavacolla para despedir á expedición galega, que tres días antes de comezar os segundos Xogos Mundiais toma o avión cara Irlanda. 

Saída de Lavacolla das nosas seleccións.

 

 

25 Xullo 2016

Jerry Holmes achéganos un pouco máis á Selección Feminina que nos representará en Dublín. Unha entrevista con connotacións positivas e cargada de boas palabras sobre o traballo das súas xogadoras durante estes meses de preparación, e a só dúas semanas do evento máis importante para os xogos gaélicos.

 Cun obxectivo común, gañar; Jerry destaca o esforzo de cada un dos membros do grupo ou “pequena familia” que conforman as 13 seleccionadas e a dupla de adestradores.

Aquí vos deixamos o enlace á entrevista. Sorte e a por todas!

Entrevista Jerry Holmes

 

9 Xullo 2016

Presentación das camisolas oficiais da Selección Galega.

O día 8 de Xuño anunciábase o logo conmemorativo dos equipos da Liga Galega que levará a camisola, así como o primeiro patrocinador de Galicia ( GSS ). Agora, un mes antes de disputar o primeiro encontro; realizase a presentación da equipación que lucirá a nosa selección nos segundos xogos mundiais (Agosto -Dublín, Irlanda).

A camisola dos xogadores de campo será semellante á do pasado ano en Abu Dhabi, facendo referencia á bandeira de Galicia (Branca e Azul); mentres que a dos gardametas pasará de ser negra, a unha cor verde pistacho.

Camisola de xogador/a de campo. O deseño inclúe o logo conmemorativo e os principais patrocinadores.

Camisola de gardameta. O deseño inclúe o logo conmemorativo e os principais patrocinadores.

 

 

Xa queda menos para que os nosos xogadores e xogadoras viaxen a Dublín e os adestramentos seguen a ter lugar en diferentes lugares da xeografía galega.

Moita sorte a todos e todas!

 

 5 Xullo 2016

Por fin temos cadros e grupos para as nosas seleccións.

Vellos coñecidos mediranse aos galegos e galegas como Canadá na categoría feminina ou Sudáfrica e Bretaña na masculina. Os nosos equipos disputarán un total de tres encontros na fase de grupos, na que deberán clasificarse na mellor posición para poder optar ás roldas finais.

Un total de 14 equipos na categoría masculina e 8 na feminina conforman o campionato mundial de seleccións dos GAA World Games.

Aquí vos deixamos os grupos en cada categoría:

Cartaz do cadro feminino deseñado por Srto Kanario.


Cartaz do cadro masculino deseñado por Srto Kanario.

 

22 Xuño 2016

Logo de publicarse a listaxe definitiva de convocados na categoría masculina, este mércores presentábase a relación de xogadoras que asistirán para representar a Galicia en Dublín nos GAA World Games. Serán un total de 13 rapazas, ao igual que os rapaces, as que viaxarán do 7 ao 14 de Agosto deste ano a disputar a segunda cita mundial.

Nesta ocasión e a diferenza da selección masculina, anúncianse á súa vez a tres xogadoras reserva, que poderán asistir á data no caso de imposibilidade de asistencia de algunha das seleccionadas.

Velaquí tedes o cartaz onde se atopan o nome e posición das nosas representantes na categoría feminina:

Listaxe de xogadoras seleccionadas por posición. Cartaz deseñado por SrtoKanario.

 

Os seleccionadores Jerry Holmes e Carlos Torres deciden que as representantes de Galicia sexan as seguintes:

Reservas

Patricia García (Fillas de Breogán)

Beatriz Tilve (Braithreachas A Estrada)

Sonia Sobral (Pontevedra F.G.)

 

Os adestradores realizaron unha preselección de 31 xogadoras, onde o pasado 24 de Maio se realiza o primeiro corte, para seguir adestrando con 21 das mesmas. Finalmente, son 13 as seleccionadas xunto con 3 reservas.

O feito de poder preseleccionar a 31 persoas para traballar e escoller soamente entre elas ás 16 mellores, é boa proba do nivel ao que está o gaélico feminino galego neste 2016. Os equipos seguen medrando e formándose outros novos, aumentando o número de xogadoras cada ano.

Cada vez é máis difícil escoller soamente a 13, polo que o traballo dos seleccionadores en ámbalas categorías foi moi complexo.

Os adestramentos continuarán de cara á vindeira data en Agosto, preparando e traballando en tódolos aspectos ás rapazas que nos representarán nos segundos xogos mundiais.

 


 

20 Xuño 2016

Alexandre Sanmartín “Jano” cóntanos nunha entrevista a súa andaina como seleccionador galego masculino para os segundos GAA World Games, que se disputarán do 7 ao 14 de Agosto deste 2016.

Logo de ter que escoller a soamente 13 dos arredor de vinte xogadores preseleccionados, toca traballar duro para poder facer campións a unha selección que se quedou a un só paso da gloria o pasado ano en Abu Dhabi.

Aquí vos deixamos o enlace á entrevista. Sorte e a por todas!

Entrevista Alexandre Sanmartín

 


12 Xuño 2016

O pasado 12 de Xuño coñecíamos aos seleccionados na categoría masculina, adestrada por Jano, que loitarán por defender a Galicia no segundo mundial desta disciplina. Logo dunha pre – selección e unha serie de adestramentos, xa temos os nomes dos 13 galegos que viaxarán a Dublín:

 

Cartaz masculino dublin2016

Listaxe de xogadores seleccionados por posición. Cartaz deseñado por SrtoKanario.

 

Os xogadores representan a Galicia e tamén aos seus clubes de orixe. A Liga Galega de Fútbol Gaélico medrou moito esta tempada e con iso, os equipos foron expandindo as súas fronteiras, tendo cada vez máis representación e sendo máis visibles fora da nosa comunidade.

Así, os equipos aportan xogadores con calidade e experiencia ademais dun alto nivel competitivo. A selección reúne a xogadores dos seguintes conxuntos:

 

Ademais destes equipos, o resto dos que conforman a liga galega tamén están presentes de xeito simbólico nesta selección. O traballo, esforzo e os logros son conxuntos. Contar cunha liga con dúas divisións, a crecente creación de conxuntos pola rexión e a expansión do deporte rei irlandés, entre outras cousas, é mérito de todos e cada un dos clubes que forman a nosa liga así como dos seus compoñentes.

Os adestramentos continuarán de cara á vindeira data en Agosto, para poder acadar o podio e quen sabe se traer a medalla de ouro a Galicia.

 


 

8 Xuño 2016

O 8 de xuño teñen lugar dous feitos relevantes para a nosa Selección.

En primeiro lugar ten lugar a creación do logo conmemorativo dos clubes que conforman a Liga Galega de Fútbol Gaélico e que lucirá a camiseta da Selección.

Trátase dunha representación dos escudos dos equipos galegos que fan posible que a Selección Galega teña lugar, cun aporte económico á par que persoal; acompañado dunha letra “G”, que simboliza a nosa rexión así como o logo da Asociación Galega de Fútbol Gaélico. É unha pequena homenaxe á labor que fai cada clube para que este combinado de xogadores e xogadoras poida participar no Mundial e que cada un dos mesmos se vexa reflectido na camiseta de Galicia.

logo equipos selección

Logo conmemorativo creado por SrtoKanario

 

En Segundo lugar, anúnciase que  marca de produtos gaélicos GSS é o primeiro patrocinador galego. A tenda en liña galega estará representada na parte posterior da camisola da Selección Galega, xunto co logo conmemorativo anteriormente detallado.

 

patrocinio gss

Grazas pola confianza nos nosos xogadores e xogadoras e na selección de Galicia!


[VIDEOTECA]

Partido de exhibición no estadio de Riazor 20.05.2016 (masculino)


Partido de exhibición no estadio de Riazor 20.05.2016 (feminino)


 Partido completo da Selección galega vs Ireland club selection 2015 (masculino)


Partido completo da Selección galega vs Ireland club selection 2015 (feminino)


Por fin temos cadros e grupos para as nosas seleccións.

Vellos coñecidos mediranse aos galegos e galegas como Canadá na categoría feminina ou Sudáfrica e Bretaña na masculina. Os nosos equipos disputarán un total de tres encontros na fase de grupos, na que deberán clasificarse na mellor posición para poder optar ás roldas finais.

Un total de 14 equipos na categoría masculina e 8 na feminina conforman o campionato mundial de seleccións dos GAA World Games.

Aquí vos deixamos os grupos en cada categoría:

Hits: 2452