Print

Carlos Torres: “Seguín o método esponxa: tentar aprender de todos, todo o que puiden.”

 

 

 

Nome: Carlos Torres Pérez

Idade: 26 anos

Nacido en: Caracas, Venezuela

Vivindo actualmente en: A Estrada

 

-Que é o que máis che gusta do fútbol gaélico? O que menos?

O que máis me gusta do fútbol gaélico é toda a xente que coñeces e todo o que viaxas cando estas dentro; ademais do bo “rollo” entre todos. Nun partido podes estar moi tenso e cando acabe somos todos compañeiros.

O que menos me gusta, que rara vez pasa, é que esa falta de compañeirismo dentro dun partido se alongue demasiado. Que xa che digo que non soe pasar.

 

-Cal é o teu obxectivo como equipo esta tempada? E o persoal?

O obxectivo de principio de tempada como equipo xa está cumprido, que era non rematar en branco a nivel de títulos e poder chegar a todas as finais posibles. O obxectivo persoal era construír e manter a piña que fago coas miñas xogadoras e que teñen entre elas, ademais de poder gañar o ibérico de Madrid (a rolda final).

 

-Fuches xogador de Irmandinhos. Cóntanos como foi o teu paso polo equipo e como decides ser adestrador.

Si que fun xogador de Irmandinhos si ( risas ), cóntoche un pouco. Eu estaba nunha época da miña vida onde non tiña absolutamente nada que facer e estaba tirado na casa de Kanario comendo “burritos”. Ata que me dixo Kana: “Por que non te ves a adestrar con nos e pásalo ben, sinxelamente só por vir a adestrar.”

Así que era algo novo, non sabía nin o que era e ala fun. Cando estás adestrando ao fútbol gaélico pícache o bicho e queres máis, non só queres adestrar. Xoguei tres encontros (creo que foron tres) oficiais, todos contra Fillos xa que estabamos eles, nós e Mecos daquela.

Pero chegou un momento no que coa miña enfermidade, os ósos de cristal, non me daba o tipo para xogar. Sito  explicoume que era moi complexo e que me recomendaba só adestrar e non xogar. Parecíame ben, moi lóxico. Na casa me dicían o mesmo, que era xogarse o tipo así que comecei soamente a adestrar.

Logo de que as rapazas viñeran de Madrid, do primeiro Ibérico no que participaron alá polo 2013, onde foran acompañadas e axudadas polas Fillas que nos botaran unha man alí; viñan falando polo camiño que estaba o señor Charlie sen facer nada.

Eu so adestraba e lles parecía unha boa opción porque precisaban un adestrador fixo; para non andar bailando e non ter que dispoñer de ninguén máis para dar esa tranquilidade e seguridade. E así foi como mo propuxeron e dixen que si directamente. Para min era algo moi estraño, polo que dixen antes, que nunca me adestraran e nunca adestrei (antes do gaélico) e colleume por sorpresa.

Tiven que medrar pouco a pouco e irme facendo pouco a pouco coa colaboración sobre todo de Laura, que me axudou moitísimo e estivo sempre comigo ofrecendome consellos como adestrador (ela ven de fútbol e sabe o que hai). Doume moitísimos consellos e medrei moito con ela pero tamén co resto do equipo, coa xente da directiva, outros adestradores... Sempre pedín consello a todo o mundo. Nunca neguei un consello, escoiteino  e seguín o método esponxa: tentar aprender de todos, todo o que puiden.

Creo que agora son moito máis completo que ao principio, que deixaba moito que desexar (risas) e nunca me considerei un adestrador TOP. Creo que o máis importante que fixen eu foi crear o grupo.

 

-Que significa para ti ser adestrador de Irmandinhas? Defínete como adestrador.

Ser adestrador en Irmandinhos para min significa en primeiro lugar pertencer a un dos equipos mellor organizados, eu diría que de Europa. Síntome moi orgulloso da directiva que o conforma e de como fan as cousas, como traballan como clube.

Logo, ser adestrador de Irmandinhas en concreto, é moi complicado por unha parte pero moi fácil por outra. É complicado manter un status, as Irmandinhas están moi arriba sempre e hai que manter esas posicións e hai esa presión. Sen embargo adestralas é moi sinxelo porque son incribles.

Que me defina como adestrador? Como sempre dixen son unha máis. Máis que un adestrador son un colega e iso a veces trae problemas pero creo que xa mudei bastante. Era moito máis colega ao principio ( risas ) pero non quero nunca, non quixen, abandonar a miña esencia que é esa: son máis colega que adestrador.

 

-As Irmandinhas viaxarán a Madrid ao derradeiro torneo Ibérico deste ano. Credes que tedes posibilidades de gañar?

Dende logo. O ano pasado estivemos primeiras en España durante gran parte da competición. Rozamos o título coa punta dos dedos e escapóusenos no derradeiro torneo. É a única espiña que teño como adestrador das “Inhas”. Este ano os equipos son máis fortes. O exemplo máis claro está nas Fillas de Breogán, pero confío plenamente no meu equipo e sei que van a dalo todo para traer o título á casa.

 

-Como foi o teu último partido como adestrador das Irmandinhas?

Non puido ser máis perfecto. En realidade todo o torneo (Copa Galega). Tíñamos moitas baixas e iamos pensando en gozalo como nos vellos tempos. Teño claro que cando as Inhas xogan con esa mentalidade arrasan. O meu derradeiro encontro resultou ser unha final contra as rivais que máis admiro este ano (Fillas). Unha final así nunca defrauda e menos saíndo vitoriosas logo dun ano tan difícil.

 

Carlos e as Irmandinhas, campioas da III Copa Galega.

 

- Xa te retiraches dos mandos do equipo?

Non. Disputei o meu derradeiro encontro coas Irmandinhas porque non podo viaxar a Madrid por motivos persoais, pero sigo preparando ese torneo con elas, Brito e o corpo técnico que me representará en Madrid (Pere e Mon).

 

-O teu mellor momento como adestrador e o peor.

O meu mellor momento foi o Ibérico de Barcelona de 2014. Estabamos comezando e todo era moi bonito; xogabamos moi ben e xa en Galicia estabamos gañando practicamente todo. Chegamos ao Ibérico coa idea de pasalo ben e acabamos segundas. Ese momento foi incrible!

O intre no que soubemos que chegaramos á final foi un dos máis bonitos para min; xunto coa final do Ibérico de A Estrada de 2015 (o primeiro que se celebraba alí) onde chegamos á final contra Fillas e gañamos. Foi espectacular!

O peor momento dende logo foi o falecemento de Gema, que penso que é o peor de todo o noso equipo.

 

Ibérico Barcelona 2014

 

-A túa experiencia como seleccionador galego e a viaxe a Abu Dhabi

Pilloume por sorpresa todo. Era o único adestrador que so se dedicaba ao feminino e ademáis coñecía moi ben ás xogadoras de todos os equipos neses intres; por ese motivo me propuxeron o de ser seleccionador. Unha vez máis fun cara adiante coa idea e a experiencia foi inesquecible. Aínda agora queda o rastro sendo segundo adestrador de Jerry, preparando a xente moi boa.

A experiencia en Abu Dhabi foi alucinante, algo impensable para min cando comecei nisto. Paseino xenial. O ambiente que alí había era alucinante con toda a xente e lévome moitísimas amigas e amigos dese mundial. Foi moi bonito. O vindeiro mundial de Dublín, será a derradeira cousa que vou a facer en gaélico, supoño; aínda que non sei o que me deparará o futuro.  

 Carlos e a Selección Galega Feminina nos World Games, Abu Dhabi 2015.

 

-Un consello para as túas xogadoras e para o teu sucesor/a.

Sobre  todo que coiden a imaxe do equipo, por dentro e por fora. Comezando polo propio vestiario, que é moi importante esa base. Facer as cousas ben dentro e así poder levalo tamén a fora, co resto dos equipos.

Comportarse decentemente e manter a imaxe, ao fin e ao cabo aquí ninguén cobra por isto e é o que nos levamos, as relacións humanas.

 

Algo máis persoal

Libro favorito: "El Padrino"

Un grupo musical: Red Hot Chili Peppers

Canción máis especial: No woman no Cry

Palabra coa que te definirías: Paciencia

 

 

"Quería agradecer a todas as xogadoras que pasaron polo equipo e as que están agora mesmo, por facerme pasar esta época da miña vida e facerme medrar como persoa. Tamén aos membros da directiva e do clube que me apoiaron sempre, en especial ao señor Corbatero, por estar dende o inicios; a Sito por ser o meu primeiro adestrador e ensinarme a dar os primeiros pasos; a Brito por estar aí nesta derradeira etapa e ser un anaco de pan; a Andrea por tamén estar sempre, que xa eramos amigos pero a nosa relación dou un salto máis; ademais dos dous presidentes (Lupo e Mon)."

Non é un adeus, é un ata sempre porque seguirei involucrado con todos vos.

 

Hits: 2911